Empate que sabe a pouco en Barreiros

Na tarde do sábado, o primeiro equipo viaxou á mariña lucense para desputar o décimo segundo encontro da competición regular no Cascabeiro, ante o Celta Barreiros.

Con motivo do día contra a violencia de xénero, ambos conxuntos quixeron sumarse á causa vestindo a camisola de cor negro antes do partido e brindando xunto cos afeccionados presentes no estadio en contra de calquer acto violento.

Tra-la homenaxe deu comezo o xogo, no que o cadro chairego entrou con mal pé e pouco tempo termou coa porta imbatida, pois Jhoseba aproveitaría un malentendido na zaga para bater a Jesús apenas transcorridos seis minutos. (1-0, 6′)

Na seguinte xogada o Guitiriz puido empatar cun gran balón ás costas da defensa, mais Javi foi derrubado na área e non puido rematar a porta.

Co paso dos minutos, os visitantes iríanse atopando máis cómodos sobre o céspede, conseguindo saír a maior parte das veces en curto, rexeitando calquera oportunidade de perigo a prol do Barreiros e ameazando a área rival aínda que sen xerar opcións manifestas.

Sería case chegando ó tempo de lecer onde os nosos darían o golpe do empate, Labrada conseguiría prolongar un bo balón de Javi á área para que, no segundo pau, Antón empurrara o balón ó fondo da rede. (1-1, 39′)

Con táboas no marcador chegaría o descanso, que serviu ó Guitiriz para coller folgos e empezar o segundo tempo cun pouco máis de intensidade.

Só pasarían dez minutos dende o pitido inicial do segundo tempo, cando de novo Javi sería derrubado na área. Esta vez o colexiado Ron Valle sinalaría o punto de penalti que acabaría transformando Ansede despois de enganar ó porteiro. (1-2, 55′)

O gol daría confianza ó cadro visitante que, por un tempo, soubo controlar o ritmo do encontro e xogar coa vantaxe no electrónico, mais a peor noticia chegaría xa transcorrida a hora de partido cando Jose tivo que abandonar o terreo de xogo tras sentir un pinchazo no bíceps femoral da perna dereita, que a falta das pertinentes probas médicas, todo apunta a unha rotura do músculo. (Jordi por Jose, 65′)

Tra-la reconfiguración do esquema, o Guiti manteríase firme, sen conceder perigo a prol dos barreirenses, pero o terreo de xogo e o paso dos minutos empezaría a facer mella nas pernas dos xogadores. O encontro rompeuse e o cadro mariñano puido empezar a xerar máis perigo.

Finalmente acabaría chegando o gol local tras unha xogada a balón parado na que Víctor aproveitou un balón morto dentro da área para poñer o definitivo dous a dous. (2-2, 80′)

Ningún dos equipos se contentaba só cun punto, polo que fixeron desfrutar ós espectadores dunhos emocionantes minutos finais, con ocasións polos dous bandos, aínda que sen sorte. Javi tivo a derradeira oportunidade do encontro, mais acabaría sendo anulada por fora de xogo.

Co pitido final voltou a sensación de rabia ós nosos, mais agora deberán desconectar da competición regular para desputar o vindeiro domingo o partido correspondente ós dezaseisavos de final da Copa Deputación, que os enfrentará ó Mondoñedo no Suso Cruz nunha eliminatoria a partido único polo pase á seguinte rolda.