A SD Guitiriz xa está en oitavos

A pesar do parón de liga debido á ponte da Constitución, o balón non deixou de rodar sobre o céspede do Suso Cruz na tarde do domingo. O primeiro equipo recibía a un Mondoñedo que viña de gañar os seus últimos tres encontros, para desputar o correpondente partido dos dezaseisavos de final da Copa Deputación.

O cadro de Jose Carlos tívoo claro dende o minuto un; quixo dominar a posesión e facerse co control do xogo ante un Mondoñedo replegado no seu campo que puido conter todos os intentos de perigo a prol do conxunto local.

Malia manter o esférico en campo contrario durante a maior parte do tempo, o Guitiriz non sería capaz de xerar ocasións manifestas, e aínda que a sensación de superioridade amosábase clara, o factor sorte apareceu a prol do cadro mindoniense; nunha saída de balón, un resbalón de Tanke deixou a Javier nun man a man contra Jesús, ó que puido bater por baixo. (0-1, 20′)

Os nosos non se deron por vencidos e seguiron crendo na mesma filosofía de xogar o balón en curto con posesións longas, mais a férrea defensa visitante seguiu a evitar calquera posible ameaza.

Co cero a un en contra chegaría o tempo de lecer para axustar pequenos matices pero con fé no xogo que deixara boas sensacións no primeiro tempo.

Cedo chegaría a sorte para o Guiti, ó minuto do pitido da segunda metade, tras unha boa xogada colectiva, Javi empataría o encontro cun forte disparo polo primeiro pau. (1-1, 46′)

O gol caeu como un balde de auga fría para os de Julio César Castro. que se viron superados, e na tenta de saír co balón xogado en curto, os nosos atoparonse máis cómodos con altas presións defensivas que acabaron por darlle ese empurrón de esperanza ante a inseguridade do cadro da mariña.

Pronto chegaría o segundo gol para os nosos; un centrochut nunha falta lateral de Javi acabaría entrando polo segundo pau malia non atopar rematador. (2-1, 60′)

Os cambios introducidos (Alvariño por Miguel, 58′ e Jordi por Pablo, 75′) deron forza ós nosos para acadar o terceiro. O primeiro deles foi protagonista, pois das súas botas xurdiu o penalti que acabaría transformando Ansede. (3-1, 77′)

Co partido xa controlado, o Guitiriz seguiu na tónica de manter a posesión. Entraron ó campo Borja, Diego Castro e Cendán (por Ansede, 79′; Tanke, 84′ e Novo, 89′ respectivamente) para darlle aire fresco a un encontro no que Javi acabaría poñendo a guinda na última xogada cun golazo dende fora da área polo ángulo dereito, para asinar o seu primeiro hat-trick da tempada. (4-1, 90′)

Coa diferenza de tres chegaría o pitido do colexiado Gómez Martín, que poñería punto e final a noventa minutos que serviron para alcanzar o pase a oitavos de final da Copa Deputación, e voltar ás boas sensacións que agora debe manter para enfrontarse o vindeiro domingo en competición ligueira ante a SD Muimenta, tamén no Suso Cruz.

Polo que corresponde á Copa, a seguinte fase terá lugar no Campo da Cea en dúas semanas, antes do parón de Nadal, onde o primeiro equipo tentará vencer ó Cabreiros na loita polo pase a cuartos de final.