A SD Guitiriz cede dous puntos ante o Muimenta

Tra-lo bo partido de copa ante o Mondoñedo, o primeiro equipo voltaba ó Suso Cruz coas esperanzas de volver á senda do triunfo en liga. Nada máis lonxe da realidade.

O cadro de Jose Carlos ingresaría ó encontro na tenta de dominar a posesión, mais a pesar de conseguilo, non foi quen de levar a cabo xogadas colectivas fluídas.

Sen embargo, o Muimenta puido abrir a lata ata en dúas ocasións concretas, nas que Jesús se amosou impermeable.

O Guitiriz puido xerar máis do que realmente xerou, pero faltou claridade nos metros finais. Aínda así, nun pase filtrado de Antón a Javi, que non puido bater o cancerbeiro, o rexeite foi quen de aproveitalo Miguel para adiantar ós nosos no marcador. (1-0, 18′)

A primeira parte desenrolaríase no mesmo ton, sen ningunha ocasión manifesta para ambos equipos. Antón tería oportunidade de ampliar vantaxe tras un magnífico pase de Labrada, pero o control non foi preciso.

Ó pouco tempo chegaría o empate. Tras un rexeite do pau o balón acabaríao rematando Julio para bater a porta de Jesús. (1-1, 38′)

Con táboas no marcador acadaríase o tempo de lecer.

Ó comezo do segundo tempo o Guitiriz estivo cerca da procura do segundo gol.
Un bo pase ás costas da defensa permitiría recibir a Javi dentro da área, que tras zafarse ben do seu defensor, non puido bater con perna esquerda a Noche.

O corpo técnico decidiría realizar dúas sustitucións (Alvariño por Antón, 54′ e Borja por Miguel, 58′) coa intención de dar un impulso ofensivo ó equipo.

Borja e Novo puideron crear moito perigo pola banda esquerda gañando a liña de fondo. Precisamente, dos pés de novo sairía unha boa ocasión de perigo, pero o remate de Alvariño foi rexeitado polo corpo dun defensor.

Nesa mesma xogada, Novo volveu a sentir as molestias que arrastraba na parte posterior do muslo dereito e tivo que ser sustituido. (Diego Castro por Novo, 68′)

A última parte do encontro atrangantouse para o cadro guitiricense, no que as presas levaron a un xogo demasiado directo con balóns en longo que a defensa rival puido rexeitar sen complicacións.

A pesar de contar con algun remate puntual sen a claridade suficiente para achar o gol, os últimos intres do partido voltáronse trabados e sen ningunha xogada combinada, o que levou ó pitido final co empate no luminoso.

Finalmente, son outros dous puntos que escapan do Suso Cruz para pechar o ano a oito da segunda posición na táboa.

Para a semana, os nosos terán a oportunidade de despedirse con boas sensacións ata a volta das vacacións de Nadal, pois enfrontaranse ó Cabreiros na loita por un posto nos cuartos de final da Copa Deputación.