A SD Guitiriz copeira está de volta

Tra-lo temporal que fixo suspender toda actividade deportiva do sábado, o primeiro equipo viaxaría ó Campo da Cea na tarde do domingo para desputar fronte ó Cabreiros os oitavos de final da Copa Deputación.

As baixas do cadro guitiricense e o mal estado do campo fixeron que o corpo técnico decidira cambiar o sistema habitual (5-3-2) por un 4-3-3 cun dianteiro descolgado para buscar gañar as costas da zaga rival con pases verticais.

Todo un acerto por parte de Jose Carlos e Delfín, cuxo planteamento sorprendeu ós locais, e nos primeiros intres os nosos poideron xerar perigo. Mais chegaría a primeira mala nova; Novo, con molestias arrastradas do anterior encontro tivo que ser sustituido ó pouco de empezar. (Borjita por Novo, 6′)

O cambio reconfiguría as posicións no sistema, Pablo sería o sustituto de Novo no lateral, mentres que Borjita pasaría a acompañar a Alvariño na dianteira. Malia a mala sorte, os nosos souberon manter a intensidade e pasados só tres minutos do troco, un bo balón as costas da defensa atoparía a Alvariño, que tras gañar a liña de fondo definiría por baixo das pernas do cancerbeiro para estrear o marcador. (0-1, 9′)

Non se conformarían co resultado os nosos, que seguiron coa mesma mentalidade para atopar o segundo ó pouco tempo. De novo, unha boa acción de Alvariño atoparía cun gran balón filtrado a Antón, que non sería quen de bater a Paulino, pero no rexeite non perdoaría Tanke cun gran disparo cruzado ó segundo pau. (0-2, 18′)

Á media hora de partido, a piques estivo de subir o terceiro ó marcador visitante. Borjita gañaría de novo as costas da zaga, e tras desfacerse do último defensor estrelaría o balón ó traveseiro.

Co paso dos minutos o terreo de xogo seguiría ablandando, as pernas dos xogadores cansaban, polo que o fútbol volveríase máis físico e concentrouse no medio do campo.

Pouco antes do descanso voltou a mala fortuna; Ansede non foi quen de despexar un balón colgado a área para acabar por introducilo, coa axuda do longueiro, na porta de Jesús. (1-2, 39′)

Con vantaxe de un no luminoso chegaría o tempo de lecer, que serviría para coller folgos para afrontar unha segunda parte que de novo sería moi física nun campo cada vez máis pesado.

Os primeiros minutos do segundo tempo non deixaron moitas ocasións para ningún dos dous equipos, que pelexaron con todo para poder facerse co dominio do xogo, mais o sobreesforzo condenaría ó Guitiriz coa segunda lesión do encontro; Ansede tería que abandoar con problemas musculares. (Jordi por Ansede, 58′)

Co cambio, o cadro de Jose Carlos reestructuraríase no sistema habitual de 5-3-2 na tenta de manter a vantaxe. Nada máis lonxe da realidade, ós cinco minutos do troco, un penalti a prol do Cabreiros devolvía as táboas ó marcador. (2-2, 65′)

Non se rendiron os nosos, que con loita e perseverancia volverían a facerse co dominio. Ós poucos minutos tívoa de novo Alvariño, mais o gardameta puido rexeitar o perigo. O conxunto guitiricense seguiu a buscar o terceiro, e tras unha gran presión, un erro na saída de balón dos locais voltou a conceder a oportunidade ó dianteiro lucense, que desta vez non perdoaría. (2-3, 74′)

Tra-lo último gol o encontro parteuse, pero o Guitiriz soubo rexeitar calquera tipo de perigo en contra, e no último contragolpe do partido, Jordi asinaría a sentenza batendo cun disparo potente a Paulino. (2-4, 90′)

Na celebración do último tanto, o colexiado Amancio Rodríguez pitou o final do encontro, devolvendo o sorriso ós nosos que puideron despedir o ano con boas sensacións e un triunfo que supón a clasificación para os cuartos de final da Copa, onde se verán as caras co Abadín en febreiro no Suso Cruz.

O próximo encontro do primeiro equipo será á volta do parón de Nadal, o domingo 11 de xaneiro na Candelaria, para desputar a penúltima xornada da primeira volta de liga. Ata entón, dende a SD Guitiriz, queremos desexar unhas felices festas e un próspero ano novo a todos os que nos seguides e nos axudades a ser un mellor clube.