Tropezo inicial para os nosos en Muimenta

O equipo senior caeu ante a S.D. Muimenta a volta da Segunda Rexional despois dunha tempada e media de parón. O encontro disputouse no Pichón, onde os locais conseguiron un resultado moi favorable ao gañar por catro a dous, a pesares de que os nosos nunca lle perderon a cara ao partido e tiveron opcións ate o final.
O partido comezaría con dominio do Muimenta, pero con máis acercamentos perigosos por parte dos nosos, que atopaban profundidade polas bandas con Pereira e Novo, e que tiñan a Javi como referencia no medio, intentando internadas para atopar unha boa posición de disparo.
Porén, serían os locais os que comezarían marcando, aproveitando dous erros para facer, no minuto vinte e cinco o un a cero, e de seguido, no vinte e nove, o dous a cero, ambos obra do capitán, Hugo Engroba, que aproveitou dous pases atrás para bater a Jesús con tiros que non lle daban opción ao meta de Os Vilares.
Os nosos non lle perdían a cara ao partido e tentaban ter o balón e reducir a desvantaxe antes do descanso. O gol chegaría no corenta e catro, nunha internada de Javi na área na que, tras superar a varios rivais, poñía o dous a un cun tiro pegado ao pao largo de Noche, que non podía facer nada por evitalo, chegando así ao tempo de lecer cun gol de desvantaxe.
Para a segunda parte, retirábanse Pereira, que tiña molestias, e Oscaría, e ingresaban no terreo de xogo Jose e Labrada. Tra-lo descanso, os locais saían máis enchufados ao partido e no minuto corenta e sete, era de novo Hugo Engroba quen remataba un bo centro atrás e facía o tres a un, que deixaba o partido complicado para os visitantes.
Os nosos incrementaban a intensidade e centrábanse no ataque para reducir diferenzas canto antes, contando con bos balóns á area, un deles rematado por Jaba, sen encontrar portería. Seguían tamén as complicacións, esta vez coa lesión de Jose vinte minutos despois de ingresar no terreo de xogo, entrando no seu lugar Diego Castro, unha opción moi ofensiva, buscando a remontada.
Foi así como no minuto sesenta e seis, pouco despois do cambio, Mauro tiraba de intelixencia e sacaba rápido unha falta dende a frontal para deixar só a Labrada diante da portería, poñendo o tres a dous, e dándolle forzas aos nosos. Tra-lo gol, o Muimenta encerrouse atrás e comezou a perder tempo, defendendo con case todo o equipo metido en campo propio. Aínda así, as ocasioóns chegaban, e unha das máis claras tívoa Antón, que cun tiro alto estivo a piques de sorprender ao meta local, que tivo dificultades para atallar o balón.
Xa nos últimos cinco minutos, as complicacións ían un paso máis alá coa expulsión de Javi por dobre cartón amarelo no minuto oitenta e oito de partido, quedando así o equipo con só dez xogadores. Dous minutos despois, nunha contra dos locais, Edu Seivane facía o catro a dous empurrando o balón despois dun pase que o deixaba só diante da portería.
Finalmente, o encontro acabaría en catro a dous, resultado que deixa un moi mal sabor de boca para os nosos. Na vindeira xornada, o Guiti recibe ao Abadín na volta da Segunda Rexional ao Suso Cruz.