Táboas para comezar a liga

Arrancaba o partido no Municipal de Abadín, e o Guitiriz tentaba dende o primeiro minuto controlar o ritmo do encontro, mais, pese a querer dominar a posesión,o primeiro tempo foi evolucionando cara un xogo máis etéreo, sen chegadas claras a área para ningún dos dous equipos, pero cunha gran loita física coa intención de poder abrir o marcador.

Non foi así, mais finalmente chegaron ocasións por parte de ambos bandos; o cadro local creou perigo a raíz do balón parado, onde a zaga guitiricense se mostrou implacable e Jesús moi seguro. Por parte do conxunto visitante, a acción de perigo máis clara no primeiro tempo estivo nas botas de Diego Alvariño, que viu ó porteiro abadinense adiantado, pero o intento de vaselina saiu pola esquerda da portería.

Chegaría o descanso co marcador sen estrear, e o corpo técnico reaxustaría o seu once, dando entrada a Ibra, que debutaría en partido oficial como xogador da SD Guitiriz (Ibra por Antón, 45′).

O encontro iríase rompendo, e, aproveitando o espacio, o cadro guitiricense comezou a soltarse e a crear unha maior sensación de perigo na área local.

A entrada de Borjita (Borja por Alvariño, 61′) e Pablo (Pablo por Tanke, 72′), serviu para abrir máis o campo e implementar a velocidade que o equipo necesitaba para chegar a ver porta, comezando a crear grandes ocasións e a sensación de que o gol estaba cada vez máis cerca, pero a gran actuación de Cristian baixo paus impediu que o Guitiriz se adiantase no electrónico, parando dous remates de Javi e Ibra a bocaxarro.

Javi, voltou a tentalo chutando rapidamente unha falta moi lonxana, que a pesar de atopar ó porteiro descolocado, este foi quen de rearmarse rápidamente para acariciar o balón coa xema dos dedos e desviar a pelota contra a madeira.

A balón parado tamén o tentaría Jose cun gran golpeo, que tras superar a barreira, o esférico voltaría por acabar nas mans do impermeable porteiro local.

Un partido loitado de maneira limpa e deportiva, que se viu manchado por un encontronazo chegando ó final entre varios xogadores, o que provocou a expulsión de Labrada para o Guitiriz e a de Eloy para o Abadín. Aínda así, deu tempo a unha última xogada na que o conxunto local conseguiu crear unha superioridade ofensiva nunha zona perigosa, e, Adrián Novo, sendo o último xogador, sacrificou a súa continuidade no terreo de xogo para evitar un posible gol en contra.

Finalmente, o empate a ceros impartiu sentencia repartindo un punto moi loitado para cada equipo nesta primeira xornada do Grupo VI da 2ª Autonómica Galega, que estará de volta o próximo domingo no Suso Cruz, onde o primeiro equipo se enfrontará ó San Ciprián.