Esforzo sen premio ante o San Ciprián

O primeiro equipo estreouse como local nun Suso Cruz cun ambiente magnífico agardando a victoria dos nosos, que entraron moi enchufados ó partido, coa intención de ter o control do balón.

Así o fixo o conxunto guitiricense, que controlaba totalmente o encontro e non tardou en atopar as primeiras chegadas ó área, un disparo lonxano de Suso probou ó gardameta do San Ciprián que sacou o balón por riba do traveseiro.

Aproveitando o ancho do campo, cos carrís abertos, Pablo e Antón aproveitarían para facer ferida na zaga rival, varias foron as xogadas que acabaron con bos balóns dende os laterais en busca dos dianteiros, que non puideron chegar a rematar, e o balón acabaría saíndo a córner ou saque de porta.

Vista a sensación de dominio local, o San Ciprián soupo baixar o ritmo do encontro para reducir a continuidade no xogo do Guitiriz, e, a pesar de non xerar ningún perigo na área de Jesús, chegaria o descanso, e con él o 0-0 sen ningunha ocasión clara de gol para ningún dos dous equipos.

Non comezaría tan ben a segunda parte no Suso Cruz, na cal os xogadores locais saíron máis relaxados que o rival, e comezaron a sufrir os insistentes ataques do San Ciprián, que creou moito perigo buscando a espalda da defensa.

En apenas 20 minutos, o conxunto da mariña tería catro accións claras de gol; a primeira, un remate a pracer dentro da área que acabaría saíndo por fora do arco, e noutra acción moi similar foi Ansede quen puido desbaratar a xogada de perigo despexando o balón debaixo do traveseiro.

Parecía que o perigo se empezaba a afastar, cando outro balón en diagonal ás espaldas da zaga provocaba unha boa internada polo lateral da área que acabaría en penalti a favor dos visitantes, mais non conseguiría poñerse por diante no marcador dende os once metros posto que Aitor acabaría por errar a pena máxima.

Todo apuntaba a que este podería ser o punto de inflexión para que o Guiti volvera a retomar o control do partido, pero nada máis lonxe da realidade, un desaxuste defensivo facilitaría o remate nunha posición favorable de Aitor, que adiantaría ó San Ciprián no electrónico (0-1, 64′)

Quixo reaccionar o cadro técnico local, e introduciu dous cambios (Cabado por Pablo, 64′ e Jordi por Miguel, 70′) para darlle aire ó conxunto guitiricense ao que se lle estaba poñendo costa arriba o encontro.

A dinámica do propio partido, fixo que o Guitiriz acabara por ir metendo atrás o San Ciprián para volver a chegar a zona de perigo, Diego Alvariño puido golpear un par de balóns dende a frontal que acabaron nas mans de Javier, Jose tamén o tentaría cunha vaselina que, de novo, acabaría chapando o gardameta, pero as ocasión máis claras agardaron ó tempo engadido, onde un golpeo de falta de Javi acabaría batendo na cruceta despois de golpear na barreira, e por último Ibra consiguiría meter o balón ó fondo da rede, pero o gol foi anulado por posición antireglamentaria.

Finalmente, chegaría co 0-1 o final do segundo encontro da 2ª Autónomica para o Guitiriz, que aínda non foi quen de abrir a lata do gol nesta campaña, pero terá unha nova oportunidade de redimirse o vindeiro domingo no Campo da Mina fronte a Pontenova.