A SD Guitiriz toma Cospeito

Daba comezo a quinta xornada de liga para o primeiro equipo no campo de fútbol A Fonte de Cospeito, para a cal, o cadro técnico, decidiu cambiar o sistema empregado ata o momento en todos os partidos (5-3-2), e xogar cun 4-1-4-1; feito que resultou efectivo, posto que o equipo entrou moi centrado e levaría o control do xogo durante prácticamente todo o encontro.

Non tardaría en chegar a primeira ocasión clara para o conxunto guitiricense, nun gran golpeo de Javi dende fora da área, o pau evitaría o primeiro gol do encontro. Non sería a única ocasión de perigo para os visitantes; Jose non chegou a rematar un rexeite do gardameta local que puido supoñer tamén o gol, Antón tentariao cun golpeo dende fora da área que saiu por riba do traveseiro, e de novo Javi a balón parado probou sorte polo lado do porteiro pero o chut sairía desviado.

A pesar do dominio no xogo por parte do Guiti ó longo da primeira parte, o Cospeito tivo a oportunidade para mover o marcador ó contragolpe, mais finalmente chegaría o tempo de lecer sen goles para ningún dos dous equipos.

Á volta do descanso, o cadro técnico decidiu incorporar a Novo (Novo por Jordi, 45′), que imprimiu máis velocidade pola banda dereita para chegar con máis facilidade á área rival. E así foi, pois tan só pasados dez minutos do segundo tempo chegaría o primeiro gol do encontro, César foi quen de empurrar ó fondo da rede un balón que non puido rexeitar a zaga cospeitense. (0-1, 55′)

O partido seguiría a transcurrir co control da posesión para o Guitiriz, aínda que sen xerar ocasións de perigo, mais tampouco concedéndoas. Cabado e Pablo entrarían para darlle aire ó equipo (Pablo por Alvariño, 55′ e Cabado por Jose, 74′) e poder sentenciar o partido.

Mais non foi ata os últimos intres do encontro cando os nosos puideron asinar a sentencia; primeiramente, Diego Castro, recén ingresado no terreo de xogo, (Diego Castro por Antón, 87′) puido aumentar a diferenza no marcador tras unha gran xogada persoal, pero o remate ca perna esquerda sairía demasiado cruzado.

Pouco tempo despois, nun córner a prol, Javi atoparía a Ansede, que remataría no segundo pau para poñer o cero a dous definitivo (0-2, 89′).

Finalmente, chegaría o pitido final con malas noticias para o cadro de Jose Carlos Fernández, na última xogada do encontro, Suso, na tenta de facerse cun balón dividido, caería ó chan cun mal apoio que supuxo unha lesión no hombro dereito que o terá afastado da actividade deportiva durante un tempo.

Malia a mala fortuna do último acontecemento, os nosos puideron voltar cos tres puntos para Guitiriz, situándose con dez na táboa xeral, empatados co Xermade e tan só a tres do líder, o San Ciprián, á espera do próximo encontro ante o Goiriz no Suso Cruz a fin de semana que ven.