Punto amargo en Alfoz

O primeiro equipo viaxou a tarde do sábado cara a mariña, para desputar no Municipal de Alfoz o noveno encontro da liga, coas posibilidades de volverse meter en postos de ascenso directo.

O conxunto guitiricense tívoo claro dende o minuto un, e amosou un xogo preciso, mantendo a posesión con boas xogadas combinadas e dificultando a salida do balón dun cadro local que non se atopaba cómodo sobre o terreo de xogo.

Non tardaría en chegar a primeira ocasión, tras unha boa circulación de balón, Pablo aproveitaría o espazo concedido no seu carril para entrar na área e acabar rematando cruzado ó pau.

Malia o bo xogo e a sensación de dominio, tras un centro lateral do cadro alfocense, o colexiado Méndez Moreda acabaría concedendo penalti por unha dubidosa man de Ansede. Pablo abriría o marcador dende os once metros ante a incredulidade dos nosos. (1-0, 18′)

Tra-lo golpe encaixado, o Guitiriz necesitou dez minutos para poder recompoñerse, mais logrouno, e tras outra gran xogada; Pablo, de novo, acabaría probando a madeira nun gran remate acrobático.

Pouco tempo máis necesitaría o cadro chairego para atopar finalmente o gol; Ansede atoparía a Javi cun gran pase ás costas da defensa, para que este último rematara unha volea fortísima e inalcanzable para o cancerbeiro alfocense. (1-1, 39′)

Tan só dous minutos despois do primeiro gol, outra boa combinación de movementos xerarían o espazo necesario para que, de novo, Ansede puidera conectar con Alvariño e este sorprender a Roberto cunha precisa vaselina dende o borde da área. (1-2, 41′)

Co 1 a 2 favorable, chegaría o tempo de lecer.

O segundo tempo pintaría ben distinto para o cadro de Jose Carlos e, debido ó cansancio o partido iría collendo un ritmo máis lento sen demasiadas opcións de perigo para ningún dos lados.

As poucas chegadas dos nosos a área rival foron inválidadas por posición antirreglamentaria, e o equipo acabou distraéndose do xogo.

Feito que devolveu a confianza ó Alfoz, que subiu a intensidade e mellorou o seu fútbol, para que nun rexeite na área pequena de Jesús, tivera lugar o empate dos locais (2-2, 69′).

Puido ser quen de replicar Javi a balón parado, mais desta vez, Roberto atallaría o disparo.

A piques de rematar o encontro, Antón vería dous cartóns amarelos por reprimendas ó árbitro, para acabar o encontro cun menos e co 2 a 2 definitivo no electrónico.

Tra-la novena xornada, o primeiro equipo xa suma tres encontros consecutivos sen coñecer o triunfo, mais sen afastarse da zona alta da táboa, xa que se mantén a tres puntos do Alfoz, que segue a ser segundo por baixo do San Ciprián nunha liga moi igualada polo momento.