Cuarta victoria consecutiva, 4-1 ante o Goiriz

O Suso Cruz voltou a ser o escenario do primeiro equipo unha tarde de domingo máis.

O conxunto guitiricense recibiu ó Goiriz na sexta xornada de liga, onde, malia contar con varias baixas, o cadro de Jose Carlos Fernández soubo superar as adversidades para facerse cos tres puntos.

O encontro non arrancaría do mellor xeito posible para os locais, que durante os primeiros minutos non atoparon claridade para poder encadear ningunha xogada combinada e, malia non conceder ocasións de perigo a prol do Goiriz, tampouco serían quen de pisar a área contraria.

Foi á media hora de partido cando se adiantou o cadro visitante, tras un rexeite de Jesús e outro do traveseiro; Eladio, desmarcado, conseguiría finalmente empurrar o balón ó fondo das redes. (0-1, 29′)

Os seguintes minutos voltaríanse máis complicados para os nosos, que se viron con dificultades para salir co balón xogado, mais aproveitaron que o rival non foi quen de concretar nas oportunidades concedidas e, nunha boa xogada de Labrada, na que o colexiado Llenderrozas Ron sinalou a pena máxima, Iván Ansede puxo a igualdade no marcador. (1-1, 37′)

O gol deu ás ó Guitiriz, que nos últimos intres do primeiro tempo subiu a intensidade para poder xerar máis perigo, o cal non tardaría en chegar cun gran chut de Javi dende cuarenta metros que batiu a Marcos para acadar o tempo de lecer co resultado favorable. (2-1. 45′)

Despois do descanso, os nosos foron quen de coller as rendas para levar o compás do encontro, e os dous cambios no sistema (Pereira por Diego, 51′ e Cendán por Jose, 53′) deron aire a un equipo que se atopou cómodo durante todo o segundo tempo e soubo aproveitar as ocasións xeradas.

O terceiro gol chegaría de novo grazas a Ansede, que puido rematar un bo centro de Javi nunha falta lateral (3-1, 58′).

Ó pouco tempo, e a balón parado tamén, Javi puido asinar o dobrete e a sentencia cun golpeo de falta extraordinario no que enganou ó porteiro para aumentar a distancia no electrónico. (4-1, 69′)

Con este resultado remataría un encontro no que o primeiro equipo, de novo, tivo superar as dificultades iniciais para rematar vencendo cómodamente e así encadear catro victorias consecutivas, que xa o colocan en postos de ascenso a só un punto do líder, e coa mira posta xa na vindeira xornada, na cal viaxarán a Xermade co obxectivo de voltar cos tres puntos.