Comezo de ano con derrota

Non puido empezar con bo pé o ano o conxunto de Jose Carlos Fernández, que na tarde do sábado disputaría a décimo cuarta xornada de liga na Candelaria.

O cadro visitante non soupo adaptarse e atopouse incómodo co balón ante as boas presións dos mariñanos. Aínda así, a primeira clara ocasión sairía das botas de Iván Labrada cun gran disparo dende o medio campo que, malia sorprender ó gardameta, sería o pau quen rexeitase o esférico.

Pouco tempo despois soubo facer dano a Candelaria ó contragolpe. Semedo aproveitaría un rechace na área para adiantar ós seus cun bo chut cruzado. (1-0, 16′)

O gol deixaría frío ós chairegos, e ó pouco tempo caería o segundo nun balón colgado á área, onde Miguel fixo o primeiro dos tres que acabaría por converter. (2-0, 25′)

Con desvantaxe de dous, o Guiti quixo reaccionar e Alvariño tivo un man a man para acurtar distancias ó pouco tempo, pero a vaselina sairía desviada.

Puido ser, de novo, Labrada quen achegase ós nosos ó marcador nunha acción sobre a liña de fondo que acabaría detendo Jacobo.

Pouco antes do descanso, tamén a tería Antón, tras un bo pase entre liñas de Miguel, o dianteiro non conseguiu rematar con eficacia.

Co 2-0 no electrónico chegaría o tempo de lecer para coller folgos e tentar remontar o encontro.

O Guiti saíu na segunda parte con intensidade, achegándose a área rival e incomodando a saída de balón do cadro da mariña, pero só transcorridos dez minutos do segundo tempo chegou o terceiro nun contragolpe no que os visitantes reclamaron fóra de xogo, mais o tanto acabaría subindo ó luminoso. (3-0, 54′)

Non se rendirían os nosos, que na seguinte xogada poideron acurtar diferenzas. Antón recibiu fóra da área e asinou un golpeo axustado que acabou batendo no pau antes de entrar. (3-1, 55′)

Cando parecía que o Guiti comezaba a encontrarse no partido, voltou a mala fortuna. Segundo cartón amarelo a César para deixar ó equipo con dez, e un tirón na parte posterior do muslo de Alvariño para darlle un quebradeiro de cabeza a Jose Carlos que tivo que reconfigurar o esquema. (Diego Castro por Alvariño, 58′)

Pouco tempo despois, Miguel completaría o seu hat-trick dende os once metros para sentenzar o encontro. (4-1, 73′)

Cendán e Óscar (xuvenil) gozaron do derradeiro cuarto de hora, mais o resultado non cambiou ata o pitido final do colexiado Jiménez Jiménez, para poñer punto e final e a un partido para olvidar que alonxa ó primeiro equipo da zona alta da táboa a falta dunha xornada para rematar a primeira volta.

Na tarde do vindeiro domingo, os nosos recibirán ó Mondoñedo para acadar o ecuador da competición regular.