Sufrimento no Suso Cruz

A tarde dominical presentou no Suso Cruz un partido onde o cadro de Jose Carlos, castigado polas numerosas baixas, foi goleado no seu primeiro partido do ano como local.

Non entrou con bo pé o equipo, e na primeiro ataque a prol do Mondoñedo chegaría o gol de Aadil que adiantaría ós visitantes no marcador. (0-1, 4′)

O Guitiriz disporía de algunha boa ocasión a balón parado, mais non conseguiría o empate, e o conxunto mindoniense aproveitaría un contragolpe para poñer diferenza de dous. (0-2, 19′)

Co cero a dous, o cadro local tentou meterse no partido adiantando as liñas. Primeiro tívoa Diego Alvariño, que foi derrubado na área antes de conseguir rematar.

Seguiu na loita o cadro guitiricense, sendo Antón quen probara o porteiro despois dun bo pase de Alvariño, pero Adrián sacou o balón a córner cunha boa parada.

O primeiro equipo estaba a pasar polos mellores momentos do primeiro tempo e nun dos numerosos córners, Miguel, cun gran remate de cabeza, puido acurtar diferenzas. (1-2, 33′)

Pouco despois, Javi tería unha boa ocasión a balón parado, mais o golpeo saiu desviado polo lado dereito da portería visitante.

O gol a favor sentaría mal ós nosos, que nos últimos dez minutos do primeiro tempo entraron nunha dinámica desastrosa ata o punto de encaixar tres goles en seis minutos para chegar cun resultado de un a cinco ó tempo de lecer.

Vista a debacle da primeira parte, o corpo técnico decidiu cambiar o sistema e pasar a un 4-1-4-1 na tenta de loitar ata o final a pesar do resultado tan esaxerado en contra.

Ó pouco de empezar o segundo tempo chegou o segundo gol do Guiti de xeito idéntico ó primeiro. De novo, un bo remate de Miguel tras un córner botado por Antón acurtaría as diferenzas. (2-5, 50′)

O cadro chairego pasaría polos seus mellores momentos, xerando perigo e dispoñendo de bastantes saques de esquina para poder meterse no partido, mais nun contraataque Aadil puido sentenciar asinando o sexto. (2-6, 59′)

Con tan ampla vantaxe para os visitantes, o cadro técnico decidiu introducir novos xogadores ó campo (Diego Castro por Cendán, 64′; Pereira por Jordi, 78′ e Óscar por Miguel 78′).

O partido proseguiu cunha dificultade psicolóxica máis que futbolística para os nosos, que a pesar do resultado trataron loitar ata o final e dispuxeron de ocasións.

Sería a balón parado como os nosos voltarían marcar. Antón colgaría unha falta frontal para que Labrada rematase por pechar o marcador (3-6, 82′) dun partido caótico co que se acadou o ecuador da liga cun balance de cinco victorias, cinco empates e cinco derrotas.

O conxunto guitiricense xa agarda ó Abadín para dar comezo á segunda volta da competición regular o vindeiro domingo no Suso Cruz, onde agardamos o apoio da afección para remontar este mal momento do equipo e comezar a segunda metade da tempada cunha mellor dinámica que posibilite manterse na loita ata o final.