O conxunto guitiricense viaxaba na tarde do domingo a un dos campos máis difíciles da categoría, A Lomba, para desputar a décimo novena xornada de liga ante o Meira.
O cadro de José Carlos Fernández chegaba coas boas sensacións do anterior partido ante o Sporting Pontenova e, aínda que a intensidade dos xogadores non foi reprochable, as circunstancias do encontro e a efectividade do cadro local remataron por arrebatar os tres puntos ós nosos.
Nos primeiros intres, ambos equipos amosáronse replegados, tentando buscar o xogo directo, mais as defensas estiveron impecables.
A primeira boa ocasión sería para os nosos; un bo chut de Javi dende a frontal que o gardarredes meirense non foi quen de chapar e o rexeite a piques estivo de aproveitalo Jordi.
Replicaría ó pouco tempo Marcos, cun fortísimo disparo dende ben lonxe que o traveseiro acabaría repelendo para manter o cero a cero no marcador.
Transcorrida a primeira media hora, Rubén, cun perfecto golpeo de libre directo, adiantaba ós seus asinando o que sería o único gol do encontro. (1-0, 30’)
E a falta de poucos minutos para o descanso, puido empatar o Guiti, mais o perfecto centro de Javi nunha falta lateral non atopou rematador e o balón acabaría saíndo por liña de fondo para acadar con desvantaxe o tempo de lecer.
Os mellores intres do cadro visitante ocorreron ó pouco de empezar a segunda parte. A piques estivo Antón de asinar as táboas cun chut lixeiramente cruzado tras unha boa xogada con Iván Labrada.
Pasada a hora de xogo, o corpo técnico decidiu introducir un doble troco (César por Jordi, 63’ e Miguel por Antón, 63’) na tenta de chegar con máis perigo á área rival, mais a tónica seguiría a ser constante ata os intres finais, onde os nosos se acabaron volcando e incluso César chegou a estrelar un remate ó traveseiro.
Finalmente, coa derrota pola mínima chegaría o pitido do colexiado Folgueira Ríos para poñer fin a un encontro moi físico guiado polo forte vento que dificultou o control do xogo durante o transcurso dos noventa minutos.
Na vindeira fin de semana non se desputará ningún encontro ligueiro debido ó parón do Entroido, mais o fútbol non acouga no Suso Cruz coa volta da Copa Deputación, que enfrontará ó primeiro equipo ante o Abadín, a partido único, na loita polo pase ás semifinais.