As semifinais de copa agardan ao Primeiro Equipo

A Copa Deputación voltaba ó Suso Cruz na primaveral tarde do domingo para enfrontar ó primeiro equipo ante o Abadín na pugna por un oco nas semifinais xunto ó San Lázaro e os filiais do Viveiro e Lemos.

Ámbolos dous cadros foron imprecisos durante os primeiros intres, mais o Guitiriz conseguiu adiantarse cedo cun bo remate de cabeza de Javi nun balón colgado a área. (1-0, 11’)

Co gol a prol, os nosos puideron controlar o xogo con maior tranquilidade e, malia non xerar demasiado dano, non concederon ningunha ocasión de perigo, polo que o primeiro tempo resultou cómodo a pesar da mínima vantaxe no marcador.

O tempo de lecer serviría ó equipo para coller os folgos necesarios para aumentar a diferenza, e o cadro técnico non dubidou en facer o primeiro toco ó pouco de arrancar a segunda metade para tentar abrir máis o campo. (Antón por Miguel, 55’)

O recén incorporado ó terreo de xogo tería a ocasión para asinar o dous a cero despois dunha gran xogada de Pablo, Alvariño deixouna pasar, mais o disparo de Antón saiu desviado por enriba do traveseiro.

Non tardaría en caer o ansiado gol, minutos máis tarde da última ocasión, un gran desplazamento dende o mediocampo de Ansede acabaría sorprendendo ó gardameta visitante para duplicar a vantaxe. (2-0, 59’)

Co segundo tanto a favor, Jose Carlos Fdez decidiu trocar de novo (Jordi por Pablo, 77’) o que deu maior frescura ó xogo dos nosos.

O paso dos minutos iría mermando físicamente ó Abadín e o Guiti puido poñer a sentenza en repetidas ocasións.

Javi puido festexar o doblete pero Jonatan estivo áxil para desviar o seu chut a córner.

Tívoa tamén Jordi na área pequena tras unha boa xogada de Antón pola banda, mais a definición foi imprecisa.

O último cuarto de hora poñeríase aínda máis costa arriba para os visitantes coa expulsión de Ramiro e as pernas frescas de Óscar, Diego Castro e Cendán que aportaron a enerxía suficiente para ir a polo terceiro.

Unha magnífica parede entre Labrada e Óscar serviu para rachar a liña defensiva e, malia Labrada non atopar o gol, o rexeite foi quen de empurralo Jordi para converte o tres a cero co que chegaría o pitido final do colexiado Carballido Vega. (3-0, 90’)

A vindeira rolda da copa desputarase ó rematar a liga, a domicilio ante o Viveiro “B” na pelexa por acadar a desexada final. Mais agora toca centrarse na competición regular, onde o Suso Cruz xa agarda ó Cospeito para desputar a vixésima xornada de liga.