A segunda volta comeza con victoria

O primeiro equipo repetía encontro como local para dar comezo á segunda volta da liga coa tenta de cambiar a mala racha dos derradeiros encontros.

Nos primeiros intres, o cadro guitiricense amosou demasiada présa no seu xogo debido ás excesivas gañas de rachar a dinámica negativa, polo que o encontro volveuse demasiado directo e precipitado, sen chegadas a área con claridade pero coa solidez defensiva necesaria para sentirse seguros sobre o céspede, o que complicou o xogo do Abadín, cunha idea clara de xerar perigo con balóns en longo dende a defensa, que a zaga local rexeitou de xeito impecable.

Co paso dos minutos o Guitiriz comezou a sentirse máis cómodo, e o conxunto visitante viuse obrigado a conceder os córners que colocaron ós nosos máis preto da área rival. Dun rexeite a balón parado chegaría o gol a piques de rematar o primeiro tempo. Sería Javi, cunha espectacular e fortísima volea dende fóra da área co exterior do pé dereito quen abriría o marcador. (1-0, 42′)

Coa vantaxe pola mínima chegaría o tempo de lecer, que serviría ó cadro técnico para replantexar a configuración do esquema e posicionar ó once nun 4-1-4-1, o que axudou a abrir o campo e ter maior control do xogo.

As substitucións aportaron a enerxía suficiente para levar con maior claridade o peso do encontro (Cabado por Antón, 55′ e Novo por Ansede [que tivo que abandoar o terreo de xogo con molestias], 67′).

O partido iríase poñendo cada vez máis costa arriba para o conxunto abadinés, que a pesar de obrigar a Jesús a intervir cunha excelente parada para evitar o empate, foi quedando sen folgos para afrontar os últimos minutos nos cales o cadro local demostrou ser superior.

Puido asinar a sentenza Javi dende os once metros tras un penalti sobre Labrada, pero o xogador guitiricense errou na definición.

Sería finalmente Diego Alvariño quen anotara o segundo. Tras un bo pase de Javi, o dianteiro lucense acabaría empurrando o balón ó fondo da rede. (0-2, 84′)

Con dous de vantaxe, Jose Carlos e Delfín decidiron incorporar un novo xogador ó terreo de xogo (Diego Castro por Suso, 88′) e Diego Alvariño tería a derradeira oportunidade cun bo remate de cabeza que acabaría saíndo lixeiramente desviado.

Co dous a cero chegaría o pitido final do colexiado Pereira Ferreiro para poñer fin a un encontro onde o resultado foi necesario, malia non amosar o mellor xogo, para rematar coa sequía de triunfos que perseguía ó primeiro equipo dende o 17 de Novembro (SD Guitiriz 3-0 Iberia CF).

A vindeira xornada enfrontará ós nosos a domicilio ante o San Ciprián, actualmente segundo na clasificación con 32 puntos e vencedor do primeiro duelo entre ambos equipos; 0-1 no Suso Cruz.