A SD Guitiriz volta saborear os tres puntos

O primeiro equipo regresou na tarde do domingo ó Suso Cruz co fin de rematar coa racha negativa dos últimos tres encontros, medíndose a un Iberia que viña de empatar co líder da categoría, o San Ciprián.

Nos primeiros intres do encontro, o Iberia atopouse máis cómodo, poidendo chegar incluso a rematar ó pau o balón tras unha xogada a balón parado.

O paso dos minutos foi aclarando ás ideas ó Guitiriz, que comezaría a querer máis o balón e a dominar a posesión máis preto da área rival. Puido ser Labrada quen adiantara ós nosos, mais o seu chut sairía demasiado cruzado.

Pouco tempo despois foi Miguel, cun bo remate de cabeza tras un centro de Javi, quen abriría a lata do gol pasada a media hora de partido. (1-0, 32′)

O conxunto local seguiría na tenta do segundo antes do descanso, e de novo a balón parado, Pablo aproveitaría un rexeite dentro da área para aumentar a diferencia no marcador. (2-0, 42′)

Con ventaxa de dous chegaría o tempo de lecer no Suso Cruz, cun Guitiriz cómodo sobre o céspede ante un Iberia incapaz de xerar perigo na porta de Jesús.

Ó comezo do segundo tempo, Jose Carlos esixiu máis fútbol ós seus, e estes responderon. O encontro partiríase e o cadro chairego crearía máis perigo circulando máis rápido o balón, obtendo boas oportunidades ó contragolpe.

A primeira opción de selar o terceiro sairía das botas de Javi, cun gran disparo dende moi lonxe que acabaría batendo no longueiro. Alvariño tamén a tivo para ampliar diferenzas, mais o gardameta visitante puido impedilo.

Volveríana ter os nosos cun gran pase de Alvariño para que Javi atopase o gol, malia acabar sendo invalidado por unha falta anterior de Labrada.

Jose tamén o tentaría a balón parado, mais, tras bater na barreira, o balón sairía lambendo o pau esquerdo da portería defendida por David.

Os cambios darían sangue nova ós nosos (Jordi por César, 75′; Cendán por Novo, 84′ e Pereira por Miguel, 85′) para que finalmente chegara o terceiro gol; un gran golpeo raso de Javi dende a frontal culminaría un excelente contraataque para poñer o resultado definitivo co que chegaría o final do encontro. (3-0, 85′).

Co pitido final voltou a sensación de alivio tras volver a atoparse co triunfo catro xornadas despois, para poñer a mira no Cabreiros, que agarda a visita ó Suso Cruz cos mesmos puntos que o primeiro equipo.